martes, 25 de marzo de 2014

Empezan a medrar








Fai once días que plantamos as nosas sementes. A primeira semente que comezou a medrar foi a semente dos chícharos, que comezou a medrar aos 5 días de estar plantada. Agora mesmo algunha planta de chícharos xa ten talo e follas. A segunda semente en saír foi o millo, e agora mesmo o seu talo está a medrar máis rápido que os chícharos, pero sen follas. Nas sementes de cabaza común e cabaza do peregrino aínda non medrou nada. Continuamos cos coidados das plantas agardando a que as nosas plantiñas continúen medrando.

miércoles, 19 de marzo de 2014

Experimento: as plantas son seres vivos



Nun vasiño de iogur plantamos lentellas cun anaco de algodón. Despois dividimos a nosa aula en catro grupos. O primeiro grupo plantou as lentellas con algodón, auga, aire e luz do sol. O segundo grupo plantou as lentellas e non lle botou auga. O terceiro grupo púxolle un plástico transparente para tratar de quitarlle a planta o osíxeno. O cuarto grupo gardou as plantas nun armario para que non lle entre a luz do sol. Esperamos uns días a que medrasen as plantas e observamos o que lle pasou os diferentes grupos de plantas. No grupo 1 as plantas medraron co talo de cor verde, aínda que non foron as que máis medraron. No grupo 2 seguían as sementes tal como as botaron, non medrou nada. No grupo 3 ocorreron dúas cousas: unhas plantas medraron máis que as que tiñan de todo porque o plástico fixo de invernadoiro e as plantas tiveron máis calor, e outras onde as plantas case non medraron (a pesar do plástico entroulles un pouco de osíxeno). No grupo 4 as plantas foron as que máis medraron xa que intentaban buscar a luz do sol, pero o seu talo era de cor branco.

Xa por último xuntáronse por grupos e compararon todas as plantas e viron as diferencias que había entre unhas plantas e outras.



  

martes, 18 de marzo de 2014

1ª actividade: plantamos na aula


O venres fixemos a nosa primeira actividade relacionada coa horta escolar. Nun vasiño de iogur plantamos as seguintes sementes: cabaza, millo, chícharos e cabaza peregrina. Cando as sementes medren replantarémolas na horta do colexio. Cada rapaz escribiu nun vasiño o seu nome e o nome da semente que plantou. Despois, encheu un vasiño cun pouco de substrato, fixo un buratiño co seu dedo, plantou a semente, tapouna con terra e por último regou a  súa semente.  Agora estamos esperando a que empecen a medrar as nosas plantiñas.






Comezamos

Os alumnos de 2º primaria comezamos un novo proxecto. Aproveitando que as plantas son un tema do curriculo do primeiro ciclo de primaria e coa colaboración da asociación Xaruma imos facer unha horta escolar, para que os nosos alumnos poidan aprender a través da experimentación e manipulación.  Para elo disporemos dunha aula medioambiental, ubicada no centro Gárate, dunha horta de plantas aromáticas e medicinais, a carón do centro Gárate e dunha horta de hortalizas no bosque do colexio.
Esperamos que sexa unha actividade do agrado de todos e coa que os máis pequenos vaian aprendendo a coidar e respectar a natureza.